Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta de Galicia comezará as obras de reparación da cuberta do pavillón do Complexo Deportivo Agra I o próximo luns


Os traballos da obra de ‘Cambio de cuberta e adecuación do pavimento do Pavillón Agra 1’ terán un orzamento de 140.000 euros

A Secretaría Xeral para o Deporte, a través do acordo coa empresa concesionaria, comezará o vindeiro luns 5 de marzo os traballos da obra de ‘Cambio de cuberta e adecuación do pavimento do Pavillón Agra 1’ que terán un orzamento de 140.000 euros. Esta actuación dividirase en dúas fases, o cambio de cuberta do pavillón, por unha banda, e a adecuación do pavimento, pola outra. Durante a execución do cambio da cuberta poderase utilizar unha parte do pavillón para causar as menores molestias posibles aos usuarios da instalación.

A obra comezará despois de que, como informou esta Secretaría Xeral o pasado 22 de xaneiro, acordara dar total prioridade á reparación dos danos ocasionados na cuberta e no pavimento do pavillón do complexo deportivo Agra I, por mor da cicloxénese explosiva Ana rexistrada o pasado 10 de decembro en Galicia e que alcanzou a boa parte da península, con ventos moi fortes e precipitacións abundantes segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía.

Durante este tempo xa se realizaron reparacións menores das zonas danadas do parqué, permitindo así o uso parcial do pavillón mentres se realizaban as obras.

Uso preferente dos complexos
Respecto ao uso da piscina do complexo Agra I por parte dos alumnos do IES, tal e como informou a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, na súa comparecencia parlamentaria do pasado 7 de xullo de 2017, toda a documentación existente así como os informes da Asesoría Xurídica Xeral apuntan claramente o uso preferente, pero non gratuíto, da piscina que se atopa no complexo deportivo.

Así, o informe solicitado á Asesoría Xurídica Xeral, en data 22 de xuño de 2017, “xustifica a decisión da Fundación Deporte Galego de negar o uso en precario e gratuíto da piscina; uso gratuíto, que por outro lado non tiña nin ten amparo xurídico”.

Na procura dun novo contrato
Como xa se informou en varias ocasións desde a Secretaría Xeral para o Deporte, a Xunta de Galicia traballa co obxectivo de mellorar a prestación de servizos nos polideportivos autonómicos da Coruña (Elviña, Sardiñeira e Agra). Neste intre, a Secretaría Xeral ultima os detalles dun acordo que permita unha mellor xestión dos complexos. As negociacións están avanzadas e nos vindeiros días haberá novidades ao respecto.